Patrimonio - Eclesiástico

Ermidas, capelas e santuarios

Magdalena de Meira

É a capela da Magdalena de Meira un dos templos rurais cuntienses máis antigos, do cal xa hai testemuños da súa presenza no ano 1607, polo que se lle supón a súa existencia, cando menos, no S. XVI. Nela, ademais de venerarse a María Magdalena, cada 6 de xaneiro rememórase o episodio bíblico dos Reis Magos.

Sitúase nunha pequena carballeira centenaria, na que antigamente se celebraba unha das máis importantes feiras da contorna e á que acudían persoas de moitos lugares co propósito de vender trebellos do campo, gando, produtos agrícolas,... Até comezos do S. XX e dende cando menos o S. XVIII o lugar da Magdalena -ou de Meira- serviu de punto reunión de camiñantes, de celebracións relixiosas e romarías populares, de xuntanzas de grupos agraristas e de epicentro comercial.