Patrimonio - Eclesiástico

Ermidas, capelas e santuarios

Nosa Señora do Castro Loureiro

No lugar do Loureiro de Arriba sitúase unha ermida e santuario, do que xa hai constancia da súa existencia na primeira metade do S. XVI, cando era unha ermida de padroado laico, suxeito á familia dos Oubiña-Mariño. O seu tamaño é considerábel e o lugar no que se atopa destaca pola súa fermosura, dende onde se albisca o monte Xesteiras e o promontorio do Castro de Arcos. Posúe un soportal ou cuberto cara ao lateral norte, no que se alberga un altar exterior de pedra e un anuncio polo cal se avisa das indulxencias que poden acadar os que, até alí, se dirixan con fervor para acadar o perdón.

Ainda que se ten coñecido co nome da Capela do Loreto -por mor da devoción que no seu interior se venera- non deixa de ser este un xeito particular de sincretismo, de apropiación de cultos pagáns pola Igrexa. E dicimos isto posto que a súa denominación máis antiga era a de Nosa Señora do Castro Loureiro, e Loreto non vén a ser máis que a castelanización do topónimo e, ao mesmo tempo, a substitución dun culto popular por outro aceptado polo cristianismo.

Con esta denominación -a da Nosa Señora do Castro Loureiro- aparece no seu máis vetusto libro de fábrica, no que se comezaron a rexistrar noticias no ano 1678.