Patrimonio
Etnográfico
Cemiterios
Cómpre atender ó xeito maxistral no que os nosos canteiros traballaron a pedra para elaborar de forma artística as sepulturas -románticas amais de modernistas- do camposanto de Cequeril. Así mesmo non desmerecen as de San Mamede de Piñeiro, algunhas de Santa Baia da Portela e as de Estacas. Neste último cemiterio, panteóns con varios nichos construídos a comezos do S. XX e finais do XIX ofrecen mortuorias de gran interese polo labor artesanal e gremial.
De todos os camposantos de Cuntis destaca pola singularidade do recinto o de San Breixo de Arcos de Furcos. Multitude de lápidas e panteóns son tipo modernistas e hainos incluso anteriores a esta época; porén, un cemiterio subterráneo a modo de cripta esperta a curiosidade dos visitantes. Aproveitando o desnivel do terreo, enfronte á fachada da igrexa parroquial, varios recintos subterráneos, deseñados a partir de corredores, agochan as cinzas de numerosas xeracións de antepasados. Os máis grandes ofrecen acubillo a panteóns de diversas familias, pero hainos tamén pertencentes a unha única casa, polo que non poden ser visitados durante todo o ano, só se abren en casos excepcionais, como no "Día de Defuntos". Estas "catacumbas", como popularmente as teñen denominado os veciños da freguesía, albergan nichos de comezos do S. XX, mais temos comprobado que hai sepulturas do século anterior, e incluso a tradición popular conta que existiron outras criptas anteriores a estas.
