Patrimonio

Etnográfico

Cruceiros e petos de ánimas

Cuntis, como as terras de Montes e Moraña, leva a fama de ser unha xeografía de moitos e bos mestres da pedra, a maior parte deles anónimos.

Dentro das obras realizadas polos pedreiros cuntienses están as cruces procesionais, aquelas polas que discorrían os cadáveres cara a igrexa parroquial ou o camposanto; os viacrucis, como o de Estacas; ou cruceiros tan espectaculares como o do cemiterio de Arcos de Furcos. Deste diremos que é un dos máis fermosos e antigos do concello, que ten todo o seu fuste historiado con diversas figuriñas e motivos relixiosos relacionados coa paixón e morte de Xesús Cristo. Poderíase datar no S. XVII, aínda que hai quen o considera como unha obra da centuria anterior.

O cruceiro do cemiterio de Cuntis, que até comezos do S. XX estivo ergueito na Praza do Ferrol é unha peza barroca de finais do S. XVII, antigamente policromada, na que máis aló da crucifixión de Cristo e a Virxe das Angustias, aparece un San Pedro termando as chaves do Paraíso coas súas mans.

No lugar do Campo, ao carón da igrexa parroquial e do pazo abacial de Troáns, un cruceiro de fuste octogonal e de enorme altura, obra da primeira metade do S. XVIII, convida ao visitante a contemplar o espazo etnográfico que conforma xunto cunha fermosa fonte, unhas escaleiras de pedra e uns lavadoiros públicos.

O cruceiro de Roque, localizado na rúa Bernardo Sagasta, no centro urbano da vila,  ten no seu fuste a imaxe dun San Roque que amosa as chagas dun dos seus xeonllos e vestido coa indumentaria característica dos peregrinos. Ademais do Cristo e da Virxe existen diversos motivos na base deste monumento popular: catro caveiras distribuídas polos vértices desta pedra, varios ósos cruzados e algunha píntega; símbolos da morte, da peste e das enfermidades e da paixón de Xesús Cristo.

Como exemplo dos petos de ánimas temos o da capela do Santo Ildefonso en Troáns ou o do cruceiro do convento de San Bieito de Pereira, no que os motivos máis salientábeis deste último son a Sagrada Familia, o Espírito Santo, varios anxiños (querubíns e serafíns) e cinco ánimas purgando as súas faltas. No entanto, o peto máis destacábel a teor do seu labor artístico e dos motivos que reproduce na súa escultura, é o da Virxe de Monserrat no lugar da Casiña, ao carón dunha fonte e lavadoiros públicos. Até hoxe continúa a tradición de depositaren no seu interior froitos do campo -patacas sobre todo- para asegurar unha colleita abondosa e de calidade.