Patrimonio

Etnográfico

Hórreos e pombais

Dentro do noso territorio, e comezando cos pombais, son de destacar os da casa dos Carballo, no lugar de Arcos de Arriba (Arcos de Furcos), o do pazo abacial de Estacas, -localizado nunha esquina do curral do pazo, de planta rectangular, cuberta a catro augas e Cume coroado cunha cruz de Santiago-, e os de Garrido e da casa reitoral de Cuntis, ambos no centro da vila

O maior hórreo do concello, confeccionado con granito e madeira, está localizado diante dunha enorme eira de mallar no pazo abacial de Estacas. Na actualidade conta con 7 claros e máis de 17 metros de longo, porén, outrora, seica posuíu o dobre da súa lonxitude. Podemos contemplar, así mesmo, numerosos hórreos espallados polas freguesías cuntienses, aínda que sobresaen, alén do xa citado, os de Cequeril (edificados de forma máis artística) e Arcos de Furcos (nesta última parroquia concretamente os de Arcos de Arriba).

A ampla difusión do hórreo nas terras de Cuntis fai que existan poucas graneiras, que se concentran fundamentalmente na zona de Magán (na freguesía de Estacas), debido quizais á influencia das terras limítrofes do Concello de Valga, onde hai numerosas construcións deste tipo.