Patrimonio
Etnográfico
Lavadoiros termais e fluviais
Os lavadoiros municipais localizados no casco histórico teñen a particularidade de utilizar tanto auga quente e termal, que gorgolexa a 59°C, como auga a temperatura ambiente. Situados nun edificio de pedra de cantería, con teitume de tella e armazón de madeira, resgarda cinco píos de auga termal e seis de auga fría.
Temos constancia de que xa polo S. XVIII, concretamente en 1756, estes lavadoiros, daquela constituídos por un único pío -grande e comunal-, se aproveitaban do manancial Lume de Deus. Logo, polo 1829, unha comisión veciñal acorda realizar novas obras para mellorar a humilde instalación. Así as cousas, o mestre de cantería, Antón da Pena, autorizado polos veciños, encana auga termal da devandita fonte e constrúe un pío de oito cuartas de longo e catro lavadoiros individuais, todos feitos en pedra do país.
Na actualidade este emprazamento non se emprega apenas para o uso tradicional pero si, cun obxectivo de valorización do inmóbel, para expoñer diversas mostras didácticas da nosa historia local.
Nas beiras do río Gallo -ao seu paso pola vila e resistindo ao tempo e á forza da auga- construíronse diversos lavadoiros de pedra, provistos a maior parte deles de escaleiras para alcanzar o nivel do río e con varios mazadoiros para refregar as prendas de roupa. Hainos grandes e pequenos, con recintos de pedra labrados na finca do particular -que resgardaban ás lavandeiras das correntes- ou no propio cauce do río: uns con fermosos arcos de pedra e outros unicamente cunha pequena entrada que conflúe nunhas escaleiras.
