Prehistoria
Dólmenes
Dólmenes

Nesta época prehistórica un importante fenómeno esténdese por Europa: o megalitismo -ou cultura dos megálitos-, que en Galiza se ve testemuñado pola presenza de antas recubertas de terra (o que se coñece como mámoas) e pedrafitas.
As antas, antelas, anteliñas... son construcións de gran tamaño, de carácter mortuorio, que conforman -por medio de numerosas pedras ou laxes- unha cámara funeraria cuberta por unha gran laxe horizontal. Toda esta estrutura sería tapada por terra e pedras de pequeno tamaño o que lle ofrece un aspecto de peito, de aí a denominación de mámoa.
Entre as áreas tumulares existentes na xeografía de Cuntis está o Campo das Tombas, no alto da Cruz (freguesía de Arcos de Furcos) no que hai contabilizadas até 4 mámoas -aínda que García Alén e Filgueira Valverde falaron da presenza de 7-, as da Chan do Castro de Arcos, que son igualmente outras 4 de pequeno tamaño, as da área arqueolóxica da Eira dos Mouros (arredor da lagoa de Zo, na freguesía de Cuntis) ou a zona denominada do Petouto dos Mouros, na freguesía de Troáns, que contén até un mínimo de 6 mámoas.
Estes túmulos funerarios adoitaban servir de lindes entre parroquias ou xurisdicións, como acontece coa Mámoa das Piñeiras (no lugar de Vilameán), que separa as freguesías de Santo André de Cesar (Caldas de Reis) e Estacas (Cuntis). Nesta última parroquia tamén se localiza a Mámoa do Casal, nas inmediacións do mesmo lugar homónimo.
Dentro do megalitismo están igualmente as pedrafitas ou menhires, das que a Lapa de Gargantáns, no veciño concello de Moraña, é bo testemuño. En Cuntis, concretamente na parroquia de Estacas, existe un monólito de pedra fincado de xeito vertical con gravados na súa superficie e próximo a zonas tumulares, razóns que o fan considerar como unha posíbel pedrafita. Chamada O Marco Carreiro, serve de linde entre as freguesías de Estacas (Cuntis) e Santo André de Cesar (Caldas de Reis). Localízase ademais, nunha importante vía de comunicación -O Camiño Real- que durante o medievo enlazaba este territorio coas veciñas terras de Iria Flavia.