Prehistoria
Petroglifos
Petroglifos

É moi amplo o legado arqueolóxico que nos ten deixado a cultura da Idade do Bronce nas terras de Cuntis, sendo os gravados rupestres os de maior relevancia. Non menos de 25 grupos inscultóricos se localizan nesta xeografía, clasificados en 5 areas máis ou menos definidas. Estes gravados, esparexidos por diferentes freguesías, conteñen motivos variados: pseudolabirintos, combinacións circulares, cazoletas, zoomorfos...
ÁREA DA RAN
Petróglifos como os do Outeiro do Forno da Tella I outórganlle a Cuntis un importante valor no tocante aos gravados rupestres. Nel, numerosas combinacións circulares atópanse en distintas rochas, porén un dos grupos máis espectaculares amosa unha "procesión" de cérvidos que foxen dun suposto inimigo. Noutra parte desta laxe, con todo naturalismo elaboraronse outros tres (quizais bramando) e animais dispersos en actitude de busca de alimento.
Algo máis ao nacente deste conxunto está o Outeiro do Forno da Tella II, no que atopamos un cervo e varios motivos circulares.
No Outeiro de Vales encontrámonos con multitude de combinacións circulares, algunhas adaptadas á propia fisionomía dos penedos. Pódese contemplar incluso un pseudolabirinto, relacionado con outros motivos semellantes ou de tipo xeométrico. Non moi lonxe está o Outeiro da Costa de Vales, no que tan só un par de agrupacións circulares dan testemuño do labor espiritual e artístico da cultura da Idade do Bronce.
No Monte do Moucho, próximo á estrada de Calvos a Teaño, hai un gran promontorio rochoso que ten na súa superficie unha gran combinación circular, a modo de elipse, con dúas cazoletas como centros, que lle asignan unha clara aparencia da face do animal que lle dá nome a este outeiro. Igualmente, círculos con cazoletas interiores, coviñas e outros motivos espállanse neste fermoso penedo.
Na elevación denominada das Moreiras atopáronse, cando menos, até tres estacións rupestres diferentes e no Outeiro das Campás aparecen varias combinacións circulares, numerosas pías naturais e abundantes cazoletas. O motivo central confórmano unha serie de círculos concéntricos tendentes á forma elíptica, sobre uns 6 aneis traspasados por varios radios, o que lle asigna un aspecto semellante ao dunha grande arañeira.
ÁREA DA RAN
Son varios os grupos inscultóricos atopados na freguesía de Cequeril: o outeiro dos Campiños, con círculos concéntricos e cruces inscritas no seu interior ou o Outeiro do Galiñeiro, enorme pedra cunha parede vertical na que foron gravados numerosos deseños de xeometría cuadrangular con cruces inscritas no seu interior e/ou superpostas ao lado superior. Non moi lonxe desta última estación rupestre, atopámonos coa Laxe dos Homes I, que achega antropomorfos de curiosa elaboración con cabezas circulares e unha cruz no seu interior. Debido, entre outras cuestións, ao seu arcaísmo, considérase que poidan ser reelaboracións modernas de simples petróglifos circulares da Idade do Bronce.
Algo semellante puidera acontecer coa Laxe dos Homes II, próxima á anterior e reproducida por Castelao no seu libro As Cruces de Pedra na Galiza.
ÁREA DE LAXOS-CARDECIDE
Pola contorna de Laxos, Cardecide e O Pazo, dispérsanse varias das estacións rupestres do concello de Cuntis. Cazoletas e pequenas incisións na pedra aparecen no Outeiro do Pereiriño e combinacións de círculos concéntricos, con maior ou menor número de aneis, podemos contemplalas no Outeiro de Cardecide ou no do Castelo.
Alen disto, as floracións rochosas existentes en Cartas de Fóra traen representacións moito máis atractivas: atopamos combinacións circulares, aínda que a inscultura que máis destaca é un pseudolabirinto.
ÁREA DO CASTRO DE ARCOS DE FURCOS
Próximo ao castro de Arcos de Furcos existe un outeiro con diversas cruces gravadas. Tamén se atoparon, nunha laxe do balado dunha finca próxima ao lugar de Arcos de Arriba, diversos círculos que conforman un pseudolabirinto. Substraída do devandito cercado, e anteriormente do seu lugar orixinario (quizais do Castro de Arcos), actualmente consérvase na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres (Cuntis).
ÁREA DE XINZO
No lugar do Sobresouto, na parte oriental de Xinzo, descubriuse algunha que outra floración pétrea con cazoletas gravadas, e tamén no Monte do Barro, no lugar de Rebordelo.