Rutas - Sendeirismo

Conta o Concello de Cuntis con diversas rutas de sendeirismo, de longo e curto percorrido. O Club Pena Trevinca de Montañeiros de Galiza ten elaborado boa parte delas, entre outras a circular de Cuntis (PRG-20) cunha extensión de 24 km e a ruta Cuntis-Valga (PRG-21), de 17 km. Así mesmo deseñou dous tramos pertencentes a un itinerario que discorre dende Terra de Montes e o sur da provincia de Pontevedra cara a Compostela, GR94 (IV): a etapa que vai de San Xurxo de Sacos a Sebil, cunha duración de 6:15 horas e un percorrido de 18'125 km; e a que vai de Sebil a Pontevea, de 25 km e aproximadamente 8:30 horas de duración.
Con respecto á citada GR94 (IV), e máis precisamente ás etapas cuntienses, recomendamos consultar as seguintes páxinas que nos facilita o Club Pena Trevinca:
Existe igualmente unha ruta arqueolóxica que durante o verán organiza a Asociación Amigos dos Castros en colaboración coa Fundación Terra Termarum, outra que denominamos Ruta da auga e unha máis de ascenso ao cume do monte Xesteiras.
Circular Cuntis
Circular de Cuntis | |
LONXITUDE: | 24 kms. |
TEMPO ESTIMADO: | 6 a 7 horas |
PUNTO DE INICIO: | Rúa da Palma (Cuntis) |
DIFICULTADE: | Media |
TIPO: | Circular |

CARACTERÍSTICAS: Nesta circular disfrutamos de diversas vistas panorámicas (Catadoira e Camiño Ferrón) pasando por vellos camiños de pedra, onde os carros quixeron deixar as súas pegadas a xeito de rodeiras (como na zona de Vilar de Mato).
Cruzamos o río Gallo en varias ocasións e descubrimos pozas, pequenas fervenzas e paisaxes cheas de beleza, ao igual que ao seu paso polo Umia.
Cuntis Valga
Cuntis Valga | |
LONXITUDE: | 17 kms. |
TEMPO ESTIMADO: | 4 a 5 horas |
PUNTO DE INICIO: | Rúa Bernardo Sagasta (Cuntis) |
DIFICULTADE: | Media |
TIPO: | Liñal |

CARACTERÍSTICAS: Coincidindo cun dos antigos Camiños Reais que discorrían por Cuntis en dirección a Iria Flavia, o PRG-21 porta consigo un engadido cultural e histórico que nos recorda o tráfico de mercadorías e persoas por antigas rutas medievais e, anteriormente, romanas.
Neste itinerario atopámonos con diversos conxuntos etnográficos, monumentais, paisaxísticos e arqueolóxicos, como a capela dos Martores -na que se atopou unha ara dedicada ao deus Mercurio- os petróglifos de Camporredondo e a Pedra das Serpes (todos eles en terras propiamente de Valga), ou os conxuntos rupestres dos outeiros do Moucho e das Campás en termos municipais de Cuntis.
Ruta Arqueolóxica
Ruta Arqueolóxica | |
TEMPO ESTIMADO: | 1 hora, aínda que adoita ser máis longa xa que ao visitarmos lugares arqueolóxicos o camiño pódese demorar bastante |
PUNTO DE INICIO: | Praza das Árbores (Cuntis) |
DIFICULTADE: | Baixa |
TIPO: | Circular |
ITINERARIO: | Praza das Árbores - Muíños da Patela - Castrolandín (onde hai unha fermosa vista panorámica de toda a vila así como do seu val) - Alto do Castro de Laxos - conxunto rupestre e arqueolóxico de Cartas de Fóra - Monumento ao Sagrado Corazón (obra de Francisco Asorey) e Miradoiro de Maráns - Muíño do Portosalto - Praza das Árbores. |
OBSERVACIÓNS: | A Fundación Terra Termarum ofrece, así mesmo, visitas guiadas a centros de ensino e particulares ao poboado castrexo de Castrolandín. Para máis información premer aquí: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. E tamén aquí: www.castrolandin.es |
Subida ao Monte Xesteiras
Subida ao Monte Xesteiras | |
LONXITUDE: | 8 kms. |
TEMPO ESTIMADO: | 5 horas. |
PUNTO DE INICIO: | Praza das Árbores (Cuntis) |
DIFICULTADE: | Alta |
TIPO: | Circular |
ITINERARIO: | Praza das Árbores - contorno do Río Gallo - Igrexa de San Mamede (onde se pode gozar dunha vista panorámica moi ampla de todo o val) - Castro de San Mamede - Pedra da Aguia - Cume do Monte Xesteiras (con inmensa vista panorámica dos vales creados polos ríos Vea e Gallo, así como la ría da Arousa) - Montesandeu - Piñeiros - Praza das Árbores |
Ruta da Auga
Ruta da Auga | |
LONXITUDE: | 5 a 6 kms. |
TEMPO ESTIMADO: | 2:30 horas. |
PUNTO DE INICIO: | Praza das Árbores (Cuntis) |
DIFICULTADE: | Baixa |
TIPO: | Circular, polo curso dos ríos Gallo e Umia. |
ITINERARIO: | Praza das Árbores - Meira (onde se pode ver a capela da Magdalena e a súa carballeira) - Proximidades do Castro de Meira - Ponte Taboada (construción actual con restos romanos) - Poza do Penedo (lugar ateigado de lendas) - O Areeiro - Varcia (onde se conservan varios muíños fluviais) - Lornés - Fontecova - A Ran (nas proximidades atópase a zona rupestre do mesmo nome, que se un quixer pode aproveitar para visitar) - Praza das Árbores. |
Mapa das rotas
