Patrimonio
Aquitectura Señorial
A Casa Grande da rúa do Cruceiro
Na rúa Bernardo Sagasta, antano chamada do "Cruzeiro", érguese unha casa de dimensións considerábeis, altiva cheminea con decoración propia das casas fidalgas, cunha "peineta" e caniños ou aliviadoiros de pedra para as augas pluviais e un espazo que se destinou -ou polo menos así se pretendeu facer- para esculpir unha pedra armeira. Importantes muros cercan a propiedade, cun ceador nun deses valados -o que dá á rúa- que bén nos podería recordar aquelas escenas nocturnas, ou das tardes de verán, nas que a burguesía conversaba sobre cuestións cotiás ou problemas sociais.
Está cercada tamén na súa parte posterior pola beira do río Gallo, cunha muralla non tan alta pero rematada con dúas inmensas columnas de pedra que soportan cadansúa bóla labrada en granito do país.
Poderiamos datar esta edificación no século XVIII -aínda que a fachada principal sería do XIX-.
