Patrimonio
Aquitectura Señorial
A Casa Grande dos Castro "O Hospitalillo"
É a Casa Grande dos Castro unha das arquitecturas señoriais máis importantes do núcleo urbano cuntiense. Localizada ao carón da igrexa parroquial, nun dos lados que conforma a cuadrangular Praza da Árbores, serve esta antiga morada fidalga de Casa da Cultura municipal e leva o nome dun dos fillos ilustres de Cuntis, Roberto Blanco Torres.
A edificación sufriu numerosos cambios estruturais, como así o demostran as cicatrices marcadas na pedra. No século XVII xa estaba en pé, no entanto será a finais do XVIII cando se acometan as obras que lle outorgarán maior fermosura aos seus muros e á fachada principal. Conta cunha altiva cheminea, grandes "ventás de aire", un amplo balcón e dúas exuberantes pedras armeiras.
Desta casa descende D. Pedro Antonio Cerviño Núñez de la Fuente (un dos pais da "Nación" arxentina) e nela residiron D. Xoán da Fonte (notario e familiar do Santo Oficio da Inquisición do Reino de Galiza), D. Vicente Xosé de Castro Lira e Lavandeira (avogado da Real Audiencia do Reino de Galiza e Deputado nas Cortes de Cádiz) e Da. Carme Baliñas de Castro (fundadora do convento feminino de S. Bieito de Pereira, ás aforas da vila do Baño).
