Patrimonio
Aquitectura Señorial
O Pazo Abacial de Estacas
A reitoral de San Fins de Estacas presenta un tamaño desmesurado, que nola fai cualificar como de pazo abacial. Neste fogar o crego da parroquia víase como a persoa máis importante da mesma, símbolo físico do poder eclesiástico e señorial, do control das almas e dos petos das persoas da contorna.
A facenda, que está toda ela amurallada, alberga un hórreo de 7 claros, aínda que antano foi maior, unha eira de mallar, un pombal de planta rectangular levantado nun dos vértices do cerrume e unha espadana coa súa campá. A muralla conserva aínda varias ameas que decoran algún dos seus tramos e que lle asignan ao conxunto características de edificio nobre.
O edificio principal, con planta en C, conta con dúas alturas e cun estilizado tellado polo que rube a monumental cheminea, ergueita entre o solpor do renacemento e o abrente do barroco. No seu interior atopamos unha escaleira barroca (1766) e dúas lareiras de dimensións proporcionais ás da casa. Pero tamén existen recintos ocultos e algún pasadizo secreto que comunica o andar inferior -por medio dun corredor moi estreito- cun lúgubre espazo ao que os veciños adoitan chamar o "Inferniño" e que identifican cos antigos cárceres desta mansión.
Grabada na lareira do andar nobre unha inscrición asegura que se construíu en 1613, data que posiblemente faga alusión unicamente á lareira e cheminea, posto que con anterioridade a casa reitoral xa existía, como así o demostra a súa vetusta estrutura, o espesor dos seus muros, os libros de fábrica e a microtoponimia do contorno próximo. Deste xeito poderiamos considerar que no S. XVI o pazo abacial xa era unha realidade, porén as súas orixes talvez se sitúan na idade media, cando importantes cabaleiros e fidalgos administraron esta e outras parroquias, cando belixerantes señores feudais precisaron dun lugar de morada -acorde á súa clase social- no que residir cando se dirixisen a esta freguesía co obxecto de reafirmar o seu poder ou recoller as rendas.
