Patrimonio

Aquitectura Señorial

O Pazo Abacial de Troáns

Localizado ao carón do templo parroquial, o pazo abacial de Troáns conta con máis de catrocentos cincuenta metros cadrados por planta e cunha fachada principal que destaca por enriba das demais. Unhas belidas escaleiras barrocas balaustradas do S. XVIII asígnanlle maior singularidade a todo o edificio, xunto coas dúas espectaculares chemineas -de diferente tipoloxía e tamaño- que alongan cara ao alto as xa importantes dimensións deste edificio.

Entre as construcións auxiliares destacan o pombal e o hórreo -que outrora tivo maiores dimensións-. Posúe, así mesmo, unha fermosa fonte e un estanque. Todas as propiedades cercadas conforman unha importante facenda abacial, un espazo de lenda e de opulencia con pedras gastadas polos anos e o paso dos ventos.

Esta nobre arquitectura poderíase enmarcar no solpor da arte barroca, no declive do S. XVIII, porén, ao igual que acontece coa de Estacas, quizais neste predio existiu un edificio anterior, basta só comprobar os rabuños que fican nos lenzos de pedra.

Nas súas inmediacións, no lugar do Campo, atopamos un fermoso conxunto etnográfico, onde unha fonte de pedra e uns lavadoiros crean unha pequena paisaxe, na que resalta un cruceiro barroco de manifesta beleza e de tamaño considerábel.