Patrimonio - Eclesiástico

Templos parroquiais e conventuais

San Bieito de Pereira

As instalacións monásticas de San Bieito de Pereira están localizadas nun outeiro próximo ao casco histórico e son de erección recente. No 1868 Carme Baliñas de Castro, unha fidalga natural destas terras, logo de tomar os hábitos decide fundar no lugar de Pereira un convento que observase a regra de San Bieito. Aínda que algunhas construcións poden ser anteriores á fundación monástica, do conxunto de edificios destaca unha fermosa fachada conventual, de estilo neoclásico, presidida pola imaxe do patrón. No recinto de entrada un amplo portón, coroado dunha cruz de pedra e un par de pináculos, reciben ao visitante e, na praciña que se conforma coa entrada, a igrexa e a casa do capelán e un fermoso cruceiro cun peto de ánimas completan a estampa. Como curiosidade, o altar maior olla cara ao solpor, e no seu interior consérvanse varias imaxes relixiosas de importante valor, entre outras un San Bieito e a súa irmá, Santa Escolástica, xunto ao popular "Demo de Pereira", escultura na que se representa ao arcanxo San Miguel que mata a Satanás.

O altar maior, de aires clasicistas, busca semellanzas -alén das obvias diferenzas- coa columnata de Bernini da basílica vaticana de San Pedro.