Patrimonio - Eclesiástico

Templos parroquiais e conventuais

San Breixo de Arcos de Furcos

A actual igrexa parroquial de San Breixo, con torre das campás no centro da súa fachada, foi trasladada pedra a pedra dende as proximidades do lugar de Arcos de Arriba -concretamente do lugar da Manguela, no que houbo un antigo mosteiro que xa existía polo S. IX- aló pola época barroca, como así o demostra o estilo no que está construída.

O templo ten planta de cruz latina e dentro del venérase a San Breixo, a Virxe do Rosario, a Virxe de Monserrat, San Sebastián e multitude de santos máis que completan o devocionario desta freguesía. Nas inmediacións consérvanse restos construtivos de época románica, que nin tan sequera foron aproveitados na arquitectura moderna, como tamén tres lumieiras -de arco conopial- pertencentes a un antigo baldaquino datable entre os séculos XV e XVI. En tales restos escultóricos, fincados no muro do adro parroquial, recréanse tres escenas bíblicas: a Natividade, a Adoración dos Reis Magos e o Desencravo de Xesucristo. Existiu unha cuarta lumieira, hoxe desaparecida, na que se representaba -segundo parece-, a Anunciación. Un altar de pedra, cos símbolos dos mártires do cristianismo (neste caso facendo alusión a San Breixo), unha pía bautismal e unha sepultura escrita en caracteres góticos completan este pequeno conxunto de interese histórico-artístico; mais non nos debemos esquecer do seu singular cemiterio subterráneo, o único de Galicia, e o seu cruceiro.

A parroquia conta cos seguintes núcleos de poboación: A Anllada, Arcos, O Caeiro, A Casa da Cruz, A Casiña, Cornado, Ducío, Ferreiros, Furco, A Gándara, O Piñeiro e Piso.