Patrimonio - Eclesiástico

Templos parroquiais e conventuais

San Miguel de Couselo

O antigo templo parroquial de San Miguel de Couselo estivo localizado na aba oriental do monte Xesteiras e, durante a súa historia, sufriu diversos cambios arquitectónicos importantes. Sabemos que con anterioridade fora prerrománica, xusto cando formaba parte dos inmóbeis dun mosteiro que se fundara na Alta Idade Media; logo, durante o S. XII absorbería a estética románica e, pouco a pouco, entrados no barroco, a súa faciana iría cambiando. O mestre de cantería cuntiense Isidoro Gontad, en 1791, desfaría a antiga portada deste edificio e construiríaa nun estilo propiamente barroco.

Co tempo, a igrexa trasladaríase até o lugar onde hoxe se encontra, ao pé do lugar de Mourigade, deixando o seu antigo predio -na aba oriental do monte Xesteiras- para se erixir de novo, mais con outro aspecto, totalmente neoclásico. A obra, dunha única nave e con espadana para as campás centrada no alto da fachada, executaríase durante o ano 1877. Na actualidade aínda podemos comprobar nos seus muros algúns restos arquitectónicos do seu pasado románico, así como numerosas marcas de canteiros que demostran a antigüidade desas pedras labras, hoxe aproveitadas para unha construción decimonónica.

Conta esta freguesía con tan só seis lugares: As Carballas, Constenla, Couselo, Mourigade, O Pazo e A Raxeira.