Patrimonio - Eclesiástico

Templos parroquiais e conventuais

Santa María de Troáns

O primeiro testemuño da freguesía de Troáns data dos albores do S. XI, o que dá conta da súa existencia, cando menos, na centuria anterior. O templo parroquial -dedicado á Virxe María e con torre campanario- é fundamentalmente barroco, como todos os seus altares decorados cunha exuberante ornamentación; no entanto é bastante curiosa a existencia de dúas sancristías e a súa planta basilical, que confecciona dúas naves laterais e unha central, o que nos fai ver nela unhas claras orixes prerrománicas, concretamente do S. X. O edificio antigo, até as remodelacións barrocas, contaba cunha nave central con teitume de madeira, cuberta de tella, a dúas augas; e as colaterais, igualmente realizadas cos mesmos materiais, con teitume a unha única auga.

Dentro da imaxinería relixiosa do seu interior podemos destacar, polo seu valor tradicional, o "Altar do Demo", onde se representa un San Miguel Arcanxo matando ao diaño.

Ao carón deste templo sitúase a casa reitoral, unha clara proba do poder que tiveron os párrocos deste beneficio curado, un testemuño arquitectónico de que os cregos pertencían a outro estamento social.

Constituen esta parroquia os seguintes núcleos de poboación: O Campo, A Cova, O Folgar, Guldrigáns, A Hervés, Lornés, Novás, A Pena de Arriba, A Pena de Vilabar, Santo Ildefonso, Sobrada e Vilabar de Abaixo.