Patrimonio - Eclesiástico

Templos parroquiais e conventuais

Santa María dos Baños de Cuntis

Localizada no centro da vila, a igrexa de Santa María foi reconstruída na primeira metade do S. XVIII a partir da fábrica da súa predecesora románica. Ten torre para o campanario e espadana, planta de cruz latina e no seu interior distribúense seis altares con numerosas imaxes relixiosas de importante valor artístico, talladas por escultores como Gambino, Xosé Ferreiro, Francisco Asorey e Uxío Souto. Destacan entre outras pezas a Dolorosa, a Virxe do Carme, o Cristo Xacente -que ademais é articulado- e todo o conxunto de imaxes localizadas no altar maior.

Ainda que este templo conserva unha fisionomía propia do barroco, as súas orixes habería que buscalas, cando menos, no S. XI, cando formaba parte das instalacións cenobíticas do mosteiro de Santa María de Termis. No entanto, sepulturas do altomedievo e da época sueva tamén foron descubertas nas súas inmediacións.

Os núcleos de poboación desta freguesía son: Cuntis, Calvos, O Campo, Cardecide, Castrolandín, A Ermida, O Folgoso, Fontecova, Foxacos, Laxos, A Louriña, Meira, Mesego, O Noval, A Paizosa, A Patela, O Pazo, Piñeiros, Porto de Gómez, Rebordelo, O Rogadío, Trasponte, Vilar, Vilariño, Xinzo e Zo.